“BLINDAR O GASTO SOCIAL ESIXE DO GOBERNO MUNICIPAL SER REIVINDICATIVO COA XUNTA DE GALICIA PARA GARANTIR OS EQUIPAMENTOS SOCIAIS NECESARIOS PARA A CIDADE “ RECLAMA YOLANDA DÍAZ
O Grupo Municipal de Esquerda Unida demanda a apertura inmediata do centro de día de Caranza e máis o cumprimento do compromiso para realizar a escola infantil de Esteiro en réximen de xestión pública directa, equipamentos sociais necesarios e que dormen o sono da inxustiza e do desleixo por unha Xunta de Galicia, desinteresada no gasto social a causa da súa lente ideolóxica de dereitas. Cando hoxe visita Ferrol a conselleira de benestar queremos lembrar o flagrante abandono no eido social que sofre a cidadanía ferrolá a causa do PP.
Gasto social que co gallo da entrega dos premios Solidarios o actual alcalde se comprometía esta mesma semana a blindar. “Blindar o gasto social esixe ser reivindicativo coa Xunta de Galicia para garantir os equipamentos sociais comprometidos para a nosa cidadanía, reclama a Voceira de EU, Yolanda Díaz.
Esquerda Unida quere significar a vergoña social e a ineficacia extrema que supón contar cun equipamento social rematado vai para ano e medio e recepcionado polo concello, o centro de día de Caranza sito na rúa Juan de Austria, sen que a Xunta de Galicia se decida a abrilo. Agora di a conselleira que se vai a inaugurar en breve pero cunha modalidade de xestión privatizada. Temos que lembrar o compromiso do actual alcalde que votou no Pleno de marzo deste ano a favor dunha moción de EU que demandaba a súa posta en funcionamento baixo xestión pública directa. Na política, como na vida persoal, os compromisos deben ser honrados.
En canto fai á comprometida escola infantil de Esteiro os números cantan en contra dun Goberno Feijóo mendaz, que non fai fronte os pactos. Sobre cento oitenta nenas e nenos viven en Esteiro e son ao redor de 5.000 as cativas e cativos en idade de 0-3 anos que viven en Ferrol, e a nosa cidade só conta cunha escola infantil, a de Caranza máis as dúas pequenas escolas de Catabois e Canido. Valga de exemplo demoledor, que Narón, que conta coa metade de poboación que nós, vai xa pola cuarta escola infantil. Para saír do paso nos dí a conselleira que o van facer e dende Esquerda Unida reclamamos feitos e orzamentos e non palabras vanas.
A teimuda negativa do goberno Feijóo para pór en funcionamento estas dúas infraestruturas públicas e sociais deixa as claras o seu nulo compromiso coa cidadanía ferrolá e coa creación de emprego estable e con dereitos. Lonxe de avanzar unha política de investimento en gasto social, que protexa á cidadanía máis feble, que axude a creación de emprego estable e con dereitos e que dinamice a economía, Feijóo opta polo laissez faire... e a conversión de dereitos sociais en meras mercadurías para faceren negocios uns cantos “emprendedores”, que o enésimo eufemismo co que o capital se disfraza.
O silencio cómplice do Goberno Municipal delata o oportunismo atroz que exhibiu o actual alcalde cando en xaneiro e marzo de 2011, nas vésperas electorais , votou a favor destas dúas demandas, que no día de hoxe e co gallo da visita da conselleira Esquerda Unida devolve a actualidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario