martes, 8 de noviembre de 2011

“Merecemos a confianza dos residentes na Coruña para amplificar a nosa voz en Madrid”

Entrevista de Lorena Romero Carballo, para o Diario de Ferrol

Sari Alabau encabeza a lista de EU-Os Verdes ao Senado na provincia da Coruña. Orgullosa polo feito de ser a elixida para o posto, confía na súa experiencia e visión da política e a da súa formación para poder saír da actual crise económica.

As medidas plantexadas polos dous partidos con maior representación en Madrid, PP e PSOE, non son as axeitadas, asegura, polo que fai un chamamento aos votantes para liderar un cambio da man de EU-Os Verdes.

—A actual situación de crise cambia o panorama das vindeiras eleccións. ¿Xogará este factor a favor das propostas de EU-Os Verdes o 20-N?
—Fai falla a implicación de toda a sociedade pero a xente nova é a que ten que forxar o seu porvir e ten que poñerse as pilas e empezar a traballar nese sentido. Hai aí movementos importantes que realmente nos fan ver que existe unha inquietude e unha indignación na sociedade pero que quizáis sexa aínda incipiente. A globalización a nivel económico ten que ter unhas respostas globalizadas porque senón, naturalmente, atopámonos con muros. Pero esa resposta globalizada non se pode artellar por arte de maxia, penso que ten que ser a pasos pequenos e iniciándose para que realmente fructifique. Creo que a moita xente hoxe a paraliza a impotencia e esa impotencia é negativa. O que hai que facer é avanzar e xa se irán sumando e ao final faremos unha marea tan grande que pararemos esa bola enorme que temos diante. Hai que ir neste senso.

—¿Qué ofrece EU-Os Verdes a diferencia doutras formacións?
—Consideramos que a política económica do PP e do PSOE é a mesma, que non hai diferenciación ningunha e realmente o que vemos na actualidade son pelexas que non van a ningunha parte e as propostas verdadeiras non están expresadas. Xa sabemos realmente a que cambios se refiren, a un cambio de políticas neoliberais, acérrimas. Creo que as propostas do programa de EU son realistas, argumentadas e non están sacadas dunha chisteira. O programa de EU reflicte unha serie de preocupacións e estudos de xente autorizada que recoñecen que a saída á crise do xeito no que está plantexada nin é posible nin vai favorecer ás persoas, senón que vai ir en contra delas. Se o 1% das persoas do mundo son as que amasan o 40% da riqueza, realmente a política é para un 1% das persoas e o 99% restante estamos ao marxe das políticas.

—¿Que logros destacaría, ata a data, de EU en Madrid?
—Realmente, no tema da planta de gas, a través dos nosos parlamentarios en Estrasburgo e Madrid fixemos propostas e moitas das sentencias favorables sobre o tema son produto das cuestións plantexadas por EU. Pero a realidade para levalas adiante, coa voz pequena e humilde é complicada.

—¿Como resumiría as liñas básicas do programa electoral de EU-Os Verdes?
—O noso programa electoral ten moito que ver coa nosa comunidade e o noso entorno moi próximo, con temas como o da necesidade de construír o dique flotante. O saneamento da ría estámolo plantexando por activa e pasiva en moitas partes, pero claro, as forzas que temos son as que temos. Nós levamos unha traxectoria de defensa dos intereses da maioría creo que clara e nítida e realmente consideramos que merecemos recibir a confianza, neste caso, dos residentes da provincia da Coruña para que a nosa voz se sinta amplificada en Madrid.
—A escasos días para a xornada de votacións, ¿que lles diría aos indecisos?
—Eu lles diría que realmente eses movementos da indignación teñen que ter uns canles para que iso se faga realidade, porque se o que fan é ampliar a abstención e o desencanto, realmente non estamos conseguindo nada. Salientar que a xente non quede na casa, que non pensen que un voto a unha forza minoritaria é un voto tirado á basura nin moitísimo menos. Hai que dar pasos e a experiencia nos di que os grandes cambios se fan co aporte das grandes masas, da maioría da sociedade, pero iso non é posible da noite á mañá por un milagre.

—¿Cales serían accións prioritarias para EU-Os Verdes unha vez no Goberno central?
—Temos que loitar polo emprego na comarca e no Estado español. É unha necesidade vital e temos unhas propostas totalmente argumentadas e de como sufragalas no noso programa que penso que son totalmente realistas. Evidentemente, na comarca pasan tamén polo dique flotante e unha serie de infraestruturas que fagan posible desenvolver esas políticas de emprego. Tamén están a Sanidade, a Educación e a Lei de Dependencia. Hai centros da Terceira Idade, de día e residenciais que están rematados e non se poñen a funcionar. Iso é moi grave.

—¿Confía en ampliar a actual representación?
—Nós confiamos en que a nosa representación aumente a pesares dos aspectos que temos en contra, como a Lei Electoral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario