O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA PRESENTARÁ UNHA BATERÍA DE ACHEGAS ÁS ORDENANZAS FISCAIS PARA GARANTIR A PROGRESIVIDADE E A REDISTRIBUCIÓN SOCIAL DOS RECURSOS PÚBLICOS
O Grupo Municipal de EU presentará unha batería de achegas á vindeira proposta de ordenanzas fiscais do actual Goberno Municipal co duplo obxectivo de mellorar a súa progresividade e para garantir os recursos suficientes para desenvolver unha política de protección social, quen de fornecer unha axeitada redistribución social nun tempo onde a crise segue a azoutar e todos os esforzos caen no lombo das clases traballadoras e populares.
“Non todos os veciños e veciñas son iguais en canto a renda e patrimonio e polo tanto nunha situación de crise toca especialmente facer un reparto progresivo da carga impositiva, somentes deste xeito avanzaremos no eido da xustiza e evitaremos as actuais discriminacións”, salientou Yolanda Díaz ao respeito desta cuestión. A Voceira de EU sinalou que tamén nas taxas e tributos municipais hai posibilidades para desenvolver unha fiscalidade progresiva, ou o que é o mesmo, que paguen máis os que máis teñen e que agora apenas están a pagar, a causa dunha fiscalidade plana e do inaceptable fraude fiscal.
Esquerda Unida vai defender que en modo algún se suban os impostos á maioría social traballadora da cidade, que xa está a afrontar o fundamental dos custos dunha crise provocada polo capital.
A garantía de contar cos recursos necesarios para avanzar cara a unha plena protección social constitúe o obxectivo a acadar cunha reforma das ordenanzas fiscais que afonde na capacidade do concello para financiar os servizos e prestacións sociais que a cidadanía ferrolá reclama cando non se albisca por ningures a saída da crise, e se acumulan medidas regresivas e que inciden desfavorablemente sobre as clases traballadoras e populares da nosa cidade.
Progresividade e redistribución social son os eixos directores das medidas que EU presentará para mellorar as ordenanzas fiscais: o aprazamento suficiente para as persoas en paro ou con ingresos inferiores ao SMI, a paulatina introdución de progresividade en todas as figuras impositivas susceptibles delo; ou o combate fronte a especulación inmobiliaria en Ferrol, coa efectiva aplicación da ordenanza de soares – impulsada por EU – e do gravame extraodinario do IBI para o puñado de especuladores que amorean títulos de propiedade na Magdalena contra calquera utilidade social das vivendas en cuestión; Esquerda Unida será inflexible na procura de que esa pequena fracción da sociedade que máis cartos e patrimonio teña contribúa de xeito progresivo segundo recolle a Constitución do 78.
Queremos significar tamén a nosa preocupación polos contidos do plan de axuste que anuncia o Goberno, medidas que de seren semellantes ás que o Partido Popular está a desenvolver de Madrid a Castela A Mancha, pasando pola Xunta, van supor un risco certo para o xa feble conxunto de servizos públicos que se prestán dende o concello.
No hay comentarios:
Publicar un comentario