jueves, 30 de junio de 2011

Moción para rexeitar o proxecto de Lei da Familia

Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL

Yolanda Díaz Pérez, Voceira do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Atópase en fase de tramitación parlamentar a coñecida como lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia, texto legal que está a concitar un rexeitamento case unánime do movemento de mulleres e feminista do noso país.

A pretensión do Partido Popular é soster outra guerra cultural en relación cos dereitos das mulleres e para iso leva a aprobación parlamentar unha lei que o propio Consello Económico e Social non dubida en cualificar como regresiva, nun pronunciamento cuxa dureza non é doado atopar neste organismo.

O texto obxecto desta moción implica graves recortes nos dereitos das mulleres e supón asemade unha profunda regresión no plano ideolóxico, cando recupera unha retórica a prol da familia heterosexual e da maternidade como rol social vital das mulleres, o que é tanto como ditar a súa vida sexual.

Proxecto de lei que lonxe de achegar accións de apoio certo á convivencia, formula a recuperación do rol tradicional das mulleres para deste xeito aforrar recursos orzamentarios en materia de aplicación da lexislación sobre dependencia, así como nas escolas infantís, actividades extraescolares e comedores.

Proxecto de lei que aposta por unha tutela patriarcal que se agocha na terminoloxía da protección e abandona a linguaxe alternativa que considera o empoderamento e os dereitos das mulleres como as ferramentas de cambio social e igualdade, que constitúen os vieiros necesarios da nosa emancipación.

Esquerda Unida está a participar nas diferentes iniciativas e mobilizacións que na nosa sociedade se están a artellar para enfrontar e derrotar unha proposta integrista, a do PP no goberno da Xunta de Galicia, que renuncia a ler e construír a sociedade galega como sociedade de iguais: que non achega medidas que fornezan os servizos públicos en ensino ou dependencia; que descoida os dereitos en materia de saúde sexual e reprodutiva, a planificación familiar e o exercicio do dereito á interrupción voluntaria do embarazo segundo os supostao que hoxendía son legais; que acepta a tiranía dun mercado do traballo que sobreexplota ás mulleres, con taxas de desemprego e precariedade superiores ou con salarios inferiores aos dos homes a igual traballo, etc.

Xa que logo, o Grupo Municipal de EU formula a seguinte proposta de acordos ao Pleno do Concello de Ferrol:

1ª.- O Pleno do concello de Ferrol insta ao Parlamento Galego a rexeitar o proxecto de lei denominada lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Ferrol, 27 de xuño de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario