ESQUERDA UNIDA LAMENTA O PECHE DO XORNAL GALICIA HOXE
Esquerda Unida quere expresar o seu pesar diante do peche do xornal Galicia Hoxe, ousada aventura nun país onde os seus gobernantes lonxe de coidar a lingua que nos explica como pobo adoitan soster unha sistemática de agresións contra a cidadanía e os colectivos que reclamamos a normalización lingüística.
O peche do Galicia Hoxe continúa o regueiro de vítimas da política lingüicida da Xunta, que vai cubrindo de cadavres de papel e dixitais a loita por normalizar nos medios de comunicación a presenza do galego, de A Nosa Terra á A Peneira, pasando por Vieiros.
A Xunta de Feijóo combina o peor da súas políticas: a de atacar todo o que supoña avances na normalización e uso da nosa lingua e doutra fai outro pequeno contributo ao incremento do paro, no que deixa a 19 traballadoras e traballadores. Son as sinerxias destrutivas da Xunta do PP.
Perdemos a bufarda de luz que supuñan tantos e tantos artigos críticos, a súa visión crítica co capitalismo que devora a nosa terra, a ollada altermundista que tiña acubillo no xornal, etc., perdemos todas e todos os que queremos vivir no noso país sen alienacións.
Perda tamén de pluralidade informativa que vai na liña de restauración do pensamento único – e cómpre salientar que estéril; perda que o PP alenta coas súas políticas de estrangulamento pola falla de recursos e axudas públicas aos medios que teiman en construír en galego unha visión crítica do noso país e do mundo.
Esquerda Unida expresa a súa solidariedade coa plantilla de traballadores que hoxe engrosan xa as listaxes do paro no noso país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario