lunes, 7 de noviembre de 2011

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DEMANDA A CONVOCATORIA URXENTE DUNHA XUNTA DE VOCEIROS PARA RESOLVER O CONFLITO COAS CONFRARÍAS

ESQUERDA UNIDA INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A SER ESIXENTE NA DEFENSA DO EMPREGO E DA RÍA, ISTO É, DO PLAN DE DINAMIZACIÓN


Esquerda Unida rexistrou no día de hoxe unha iniciativa urxente no concello para que se reúna con carácter de urxencia a Xunta de Voceiros coa finalidade de achegar unha postura común dos grupos políticos para resolver ao conflito coas confrarías provocado pola imposición unilateral da Xunta de Galicia de eliminar o plan de dinamización da ría.


Na Xunta de Voceiros previa á celebración do Pleno ordinario de outubro acordouse redactar unha iniciativa conxunta de todos os grupos que permita dar unha saída negociada o conflito mantendo o emprego e condicións asociados ao plan de dinamización.


Esquerda Unida considera indispensable que o Goberno Municipal asuma a defensa dos intereses da cidade, que neste caso son o mantemento do emprego das traballadoras e traballadores do mar e a aceleración do saneamento da ría, que suporía un pulo ao emprego asociado ao sector primario e de servizos. O alcalde non pode permanecer impasible diante da intransixencia da Xunta e ten que defender a nosa cidadanía, aos mariscadores e mariscadoras e as potencias que acubilla a ría. Cómpre lembrar que no Pleno ordinario de outubro o voceiro dos mariscadores anunciou a disposición negociadora do colectivo, que a día de hoxe caeu no saco roto, prepotente e silencioso dun PP embebido nas enquisas.


Para o noso Grupo Municipal semella da meirande urxencia a recuperación dun acordo que permita manter os contidos asociados ao plan de dinamización da ría. A Xunta de Voceiros é o espazo para artellar ese acordo común entre os partidos e as iniciativas asociadas ao mesmo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario