Razóns da rúa se escoitan nun balbordo fértil, que coido anuncia a fin da submisión estupefaciente na que o pensamento único nos tiranizou nos últimos trinta anos. Razóns da rúa que son de xente nova que se politiza lendo e vivindo as miserias que nos sirven en frío, nun exercicio caníbal e egoísta, os gobernantes obedientes aos mercados capitalistas, que regalan aos banqueiros e empresarios o que nos rouban a nós. Razóns da rúa de xente que xa non é nova, que xa militou e coñeceu o sabor da esperanza e da derrota e que de novo participa dunha arela común, a de construír unha alternativa mediante unha suma compartida, sen protagonismos nen partidismos. Razóns da rúa que expresan unha racionalidade crítica radical ao respecto dun sistema político, cultural e socioeconómico, o da transición, que se esgota, vítima dun quefacer político mimético e neoliberal que goberne quen goberne, en Madrid ou Compostela, só atende ao capital. Razóns da rúa que mañán vanse conxuntar en medio mundo, nunha sorte de nova internacional resistente e creadora, en máis de 800 cidades do planeta, para proclamar en todas as linguas e coas maneiras diversas das tradicións emancipadoras do século que é posible vivir e producir doutra maneira. Mañán na praza do 15 M, ou da Liberdade, na vella praza de Armas, vai crecer dende o mediodía ese alento liberador, ao modo en que o estudantado chileno fai seu un vello verso de Neruda, “Me gustas democracia aunque estás como ausente”. Sexan moitas as voces das razóns.
http://www.diariodeferrol.com/index.php/opinion/o-debate/29627-vivenda
No hay comentarios:
Publicar un comentario