viernes, 12 de agosto de 2011

O GRUPO MUNICIPAL DE EU RECLAMA DO VOCEIRO DO PP QUE SE AXUSTE Á LEGALIDADE NA DEFENSA DO GALEGO

HAI QUE CUMPRIR E FACER CUMPRIR AS DISPOSICIÓNS EN MATERIA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA APROBADAS POR TODAS AS CORPORACIÓNS DEMOCRÁTICAS ATÉ AGORA, SUBLIÑA YOLANDA DÍAZ


O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere saír ao paso das posicións verquidas polo Voceiro do PP no Goberno Municipal, no que avanzou a súa defensa dos postulados máis contrarios ao proceso de normalización lingüística do galego, asumindo os postulados que buscan afogar a cultura galega e o noso idioma.


Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida subliñou que “hai que cumprir e facer cumprir as disposicións en materia de normalización lingüística aprobadas por todas as Corporacións democráticas até agora”. Normas que van dende a ordenanza de normalización lingüística até ao Plan de Normalización da nosa lingua, que busca espallar por todos os relanzos da vida social ferrolá, e que constitúen no eido local a plasmación do consenso democrático e das normas aprobadas no Parlamento Galego dende a fin da ditadura franquista. Neste eido, Yolanda Díaz salientou o traballo desenvolvido polas Comisións de traballo do Consello Municipal da Lingua no tempo en que se puxeron en marcha baixo o impulso de Javier Galán, insistindo no valor da súa continuidade e extensión.


Para Esquerda Unida se non se quere defender a lingua e cultura galegas hai que cambiar toda a lexislación; do contrario estamos a despeñarnos polos carreiros antidemocráticos, que son os únicos nos que periga o galego. So durante os reximes ditatoriais, en particular durante o franquismo, se atacou ao galego. O noso Grupo reclama do PP que non se sume aos coros interesados da ultradereita que tenta rachar consensos democráticos e construír unha guerra cultural na que somentes vai sufrir a nosa lingua e cultura.


Esquerda Unida fai un chamado ao Goberno para que amose con feitos o seu compromiso co galego, cun orzamento axeitado ás necesidades do proceso normalizador cara o orzamento de 2012, e co pulo ás comisión de traballo do Consello Municipal da Lingua seguindo o regueiro de traballo posto en marcha por Javier Galán.


Ferrol, venres 12 de agosto de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario