EU DENUNCIA QUE A CONCELLERÍA DE BENESTAR SEGUE SEN COMPROMETER UN PESO PARA AXUDAR A ESTA ASOCIACIÓN NESTE 2011
O Grupo Municipal de Esquerda Unida reclama do Goberno Municipal que, diante do recorte decretado pola Consellaría de Sanidade nas axudas ás entidades que desenvolven traballos de prevención e loita contra o VIH, e que afecta entre outras a Lazos Pro Solidariedade – Comité Antisida Ferrol, asuma o importe recortado pola Xunta: 3.500 euros, o 17% do total do proxecto deste entidade. De non contar con esta partida a asociación non poderá desenvolver un dos programas contemplados, o que quere previr e promocionar á saúde ao través da educación polos pares e se perderá o posto de traballo asociado a esta iniciativa. Esta unha partida que o concello ten capacidade económica para financiar e desta maneira contribuír a garantir un traballo social necesario.
Queremos lembrar dende Esquerda Unida a formidable labor social que desenvolve Lazos dende hai unha quincena de anos malia as dificultades materiais e económicas que sempre estiveron presentes. Cómpre salientar que esta entidade recibiu o Premio Solidario, na súa segunda edición, no mandato anterior, pola laboura desenvolvida nun eido social con moi difíciles problemáticas. En congruencia con tales méritos non pode ser que este novo Goberno se desentenda da colaboración a prestar neste eido. Este recorte supón un golpe na sempre fráxil capacidade económica da entidade para desenvolver proxectos necesarios para atender ás persoas con esta doenza así como para desenvolver os seus proxectos de prevención e concienciación social.
Este ataque antisocial ten consecuencias por todo o país, por canto hai outras entidades na Coruña ou Ourense onde a resolución da Xunta de Galicia as deixa sen un peso, obrigándoas a pechar as portas.
Doutra banda, o Grupo Municipal quere denunciar a pasividade da concellería de benestar do concello de Ferrol que continúa, cando nos atopamos en agosto sen definir que subvención vai entregar neste exercicio a Lazos. Aorredor dunhas 25 persoas son atendidas no centro diariamente, no que tamén se veñen realizando as probas de detección rápidas do VIH sen recibir unha axuda da Xunta de Galicia, onde reciben comida e axuda persoas que nada teñen. Todo elo nunhas condicións materiais enormemente precarias, con falla de luz ou cables amoreados no solo. A nosa organización non entende que se lle negue a unha asociación que realiza un traballo social necesario a prol da saúde pública de primeira magnitude e con colectivos con difíciles problemáticas unhas axudas suficientes e concedidas en prazos razoables. Reclamamos da concelleira que defina as axudas desta anualidade xa.
Por último, Esquerda Unida insta e urxe ao Goberno Municipal a que interveña diante da Consellaría de Benestar para que rectifique a negativa a conceder unha axuda á entidade ferrolán. Dada a cor política do Goberno de Ferrol e do da Xunta, cómpre que aquel defenda os intereses da nosa cidadanía e non actúe como mera e obediente correa de transmisión na política antisocial do Goberno Feijóo.
“Lazos, a nosa cidadanía, non se merece esta conxura antisocial que polo silencio ( a concelleira de benestar de Ferrol ) ou con recortes ( a Xunta de Galicia ) ameaza o traballo exemplar dunha asociación necesaria”, sinala Javier Galán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario